“Practica a prevención ¡é cousa de todos! ”

A evolución da sinestralidade nos primeiros meses de 2015, con 29 falecidos, sitúa a Galicia á cabeza do Estado cunha incidencia que duplica a media estatal Publicado o 20 de octubre de 2015

→ Este ano cúmprese o vinte aniversario da posta en marcha da Lei de Prevención de Riscos Laborais e as estatísticas reflicten que as empresas seguen incumprindo as súas obrigas nesta materia. Os accidentes no traballo é unha das grandes lacras do mercado laboral deste país.

Unha análise dos datos de sinestralidade laboral nos seis primeiros meses do ano, de xaneiro a xuño, en relación ao mesmo período do ano anterior, reflicte que os accidentes incrementáronse en Galicia nun 9,74 por cento. A pesar da Lei e das numerosas normativas que se foron aprobando ao respecto nestes últimos 20 anos é evidente que se seguen a facer mal as cousas. A situación de crise e os recortes tamén se deixan sentir nestas cifras. Non obstante, UGT-Galicia considera que preservar a saúde e a vida dos traballadores debe ser obxectivo básico por parte de todos e non hai cabida neste senso para o aforro ou os recortes.

Nos seis primeiros meses do ano faleceron en Galicia no seu posto de traballo un total de 29 persoas, 14 delas en A Coruña, tres en Lugo, cinco en Ourense e sete en Pontevedra. É evidente que urxen políticas públicas eficaces que velen polo cumprimento da normativa existente e que freen esta eiva que xa non é só laboral, senón que se trata dun problema de orde social.

Porque son moitas as persoas que falecen no seu posto de traballo pero tamén son moitas as que vítimas de sinistros laborais quedan mancadas de por vida, coas consecuencias que todo isto carrexa para os afectados e para as súas familias.

De feito, nos primeiros seis meses do ano rexistráronse en Galicia 168 sinistros de carácter grave aos que lles hai que sumar un total de 12.017 leves. É dicir, 12.214 accidentes laborais entre xaneiro e xuño deste ano.

Deste total, 5.421 accidentes prodúcense en A Coruña, 1.299 en Lugo, 1.258 en Ourense e 4.236 en Pontevedra.

Hai un ano, nos seis primeiros meses de 2014, o número de sinistros rexistrados foi de 11.130, o que supón un incremento porcentual de 9,74 puntos.

No referente á sinestralidade con resultado de morte, hai que destacar o forte incremento que se produce en sectores como o da construción ou o dos servizos. No primeiro pasouse de catro falecidos a seis e no segundo de seis a nove.

Por provincias, a sinestralidade laboral mortal sube en todas, salvo en Pontevedra, onde, non obstante, a sinestralidade total si aumenta, nun 21,13 por cento, e en Lugo onde se mantén. En Pontevedra destaca o aumento en sectores como a industria, co 27,9 por cento, e na construción, co 29,72 por cento.

En canto a Ourense, destaca o incremento do número de falecidos no seu posto de traballo nos seis primeiros meses do ano en relación ao 2014. Na provincia pasouse de un a cinco accidentes mortais.

GALICIA DUPLICA A MEDIA ESTATAL NA INCIDENCIA DE ACCIDENTES MORTAIS E OURENSE A QUINTUPLICA

Estas cifras sitúan a Galicia á cabeza do Estado en materia de sinestralidade mortal, cun índice de incidencia (número de accidentes mortais por cada 100.000 asalariados) de 0,554 puntos, fronte aos 0,285 do Estado. Pero é que a provincia de Ourense (análise por provincias) tamén é a que rexistra o maior índice, cun 1,298, duplicando, incluso, a media galega e multiplicando practicamente por cinco a do resto do Estado.

Estes datos, que non son só datos, detrás deles hai vidas, enfermidades e traxedias persoais e familiares, evidencian un claro incumprimento, ou renuncia, por parte das empresas en materia de prevención de riscos laborais e subliñan a necesidade de que as autoridades laborais e a Inspección de Traballo retomen con forza as campañas contra a sinestralidade laboral e velen polo cumprimento da normativa ao respecto.

Para UGT-Galicia, a crise non pode servir de escusa para poñer en perigo a vida dos traballadores. E, por outra banda, o Sindicato fai unha chamada de atención ás empresas galegas e á Xunta para que tomen nota dos datos que se rexistran nesta Comunidade autónoma, á cabeza, como xa se indicaba en parágrafos precedentes nos índices de incidencia, entre xaneiro e maio de 2015, en accidentes mortais.