“Engánchate á vida ”

A precariedade laboral e a falta de prevención producen un incremento dos accidentes de traballo Publicado o 14 de junio de 2016

→ Durante os tres primeiros meses do ano, producíronse un total de 296.436 accidentes laborais, un 5% máis respecto do dato do 2015, o que supón 14.044 accidentes laborais máis. Aumentan tanto os accidentes que causaron baixa como os que non.

De xaneiro a marzo producíronse 129.534 accidentes con baixa, un 6,8% máis que no mesmo período do ano anterior. A maior parte deste tipo de accidentes tiveron lugar na industria manufactureira e no comercio por xunto e polo miúdo así como na reparación de vehículos a motor.

Os sobreesforzos físicos sobre o sistema musculo esquelético son a primeira causa de accidente de traballo con baixa (44.817 accidentes) seguida dos choques ou golpes contra un obxecto inmóbil como caídas ou tropezos (27.169 accidentes) e o choque contra obxectos en movemento (cun total de 15.255 accidentes). Todas estas causas son facilmente evitables implantando medidas de seguridade adecuadas nos centros de traballo.

Seguen notificándose máis accidentes sen baixa que con baixa, de feito notificáronse un total de 166.902 casos, un 3,6% máis con respecto ao mesmo período de 2015 e nesta sentido UGT advirte que este feito pode estar directamente relacionado coa presión e o medo que sofren os traballadores no actual contexto económico e laboral ademais da falta de medidas preventivas nas empresas.

Aumenta tamén, un 1,5%, o número de traballadores falecidos nos tres primeiros meses do ano, cifra que ascende a 138 traballadores e que supón 2 mortes máis que en marzo de 2015.

As causas principais son os infartos e derrames cerebrais, seguidos de accidentes de tráfico ou por quedar atrapados, ser esmagados ou sufrir unha amputación. O sector servizos é o que máis falecidos rexistra seguido da industria, o sector agrario e a construción.

Isto significa que cada día falecen en España dous traballadores en accidentes que poderían evitarse se se desenvolvese unha maior prevención dos riscos psicosociais, se promovesen boas prácticas nos desprazamentos realizados durante a xornada laboral e se implantasen medidas preventivas nos lugares de traballo.

A precariedade no traballo xerada pola reforma laboral propiciou o incremento da temporalidade, os contratos parciais ou o emprego informal, algo que está a producir a deterioración da saúde e calidade de vida dos traballadores así como o aumento das desigualdades. Por iso, UGT reclama un aumento das actuacións de control do cumprimento da normativa de seguridade e saúde no traballo, por parte das administracións, en todos os sectores e a todos os traballadores, sen distinción do seu tipo, de relación laboral, tamaño ou sector da súa empresa, sen esquecer as estratexias de formación e concienciación e tendo en conta a necesidade de seguir fomentando a cultura preventiva.