A cifra de accidentes que levan baixa laboral experimentou o pasado ano unha diminución considerable en relación á cantidade de casos rexistrados en exercicios precedentes. Segundo os datos achegados pola Consellería de Traballo, producíronse 1.303 contratempos, o que constitúe o número máis baixo da última década. Cabe sinalar, por exemplo, que no 2000 rexistráronse 1.596 sucesos, que se elevaron a 1.774 no 2001 e que roldaron os 2.000 no ano 2008.
Outro dato positivo é que só houbo que lamentar unha vítima mortal, algo que non sucedía desde o 2002.
Industria
Practicamente a metade dos sinistros, un total de 543, producíronse no sector industrial, mentres que a agricultura foi a rama con menos contratempos, unha trintena.
Á hora de explicar estes datos, a conxuntura económica ten moito que ver. Especialmente significativo resulta que sexa a construción o segundo sector coas cifras máis baixas de accidentes, 191, algo que non ocorría desde hai anos.
Os representantes sindicais da comarca teñen claro que un dos factores que explican o descenso dos sucesos que implican a baixa do traballador está directamente relacionado coa caída da actividade laboral, especialmente no ámbito da construción. O volume de persoas dedicadas a esta profesión está baixo mínimos en relación a épocas pasadas e, polo tanto, afirman os sindicalistas, tamén descende considerablemente a cifra de contratempos.
Agora ben, as organizacións non pasan por alto as intensas campañas desenvolvidas para que se cumpra a lexislación sobre riscos laborais. Neste sentido, Xan García, da CIG, sinala: «Os sindicatos tamén facemos un traballo que non vese. Hai inspeccións de oficio e outras que non ou son».
Xosé Lamela, de CC.OO., e Antonio Santamaría, de UGT, indican que a sensibilización en materia de seguridade cada día é maior.
FONTE: 27-01-2012 A VOZ DE GALICIA



