“Engánchate á vida ”

Acabar coa drogodependencia e adicción no eido laboral require programas de prevención nas empresas Publicado o 7 de julio de 2015

→   A Secretaría de Saúde Laboral de UGT presentou nunha xornada unha campaña para previr as drogodependencias e adiccións en mozos no eido laboral. Durante a xornada advertiuse de que as drogodependencias e as adiccións constitúen un elemento claro de deterioro da seguridade e saúde no traballo.  

Para traballar neste campo, é necesario analizar a influenza que poidan ter as condicións de traballo, de seguridade e saúde, no consumo e a forma na que poden interactuar, xa que estas están directamente relacionadas co consumo de substancias, o cal fai máis vulnerable ao traballador e aumenta a posibilidade de que se produzan accidentes, conflitos, absentismo e outros problemas asociados á diminución da produtividade.

 

Os cambios no mercado de traballo, a inestabilidade no emprego, a utilización das novas tecnoloxías, a precariedade, o desemprego, a inseguridade laboral, as novas formas de organizar o traballo, en definitiva a maior insatisfacción laboral, o retroceso nos dereitos laborais unido a unha perda de dereitos sociais e a un incremento das desigualdades, está xerando nalgunhas ocasións e incrementando noutras riscos, que poden desembocar en problemas moi relacionados co uso e os efectos das drogas no eido laboral. Se a isto lle sumamos a situación actual de crise, vemos como está incidindo no aumento do número de persoas con adiccións.

 

UGT considera que as drogodependencias e adiccións no eido laboral son un problema que require da actuación de todos os axentes e que parte dunha idea clara, que estamos ante unha enfermidade e como tal debe ser tratada. Neste senso, aposta polo compromiso entre administracións, empresarios e traballadores para aforntar o problema da mellor forma posible.

 

A organización ve a necesidade de intensificar o traballo sindical de cara á prevención nas empresas, a través da información, así como, a protección do traballador que ten unha adicción como un traballador enfermo e do resto dos seus compañeiros e compañeiras.

 

UGT comparte a idea da OMS e a OIT de que “é necesario actuar fronte ao problema, implantando nas empresas programas de prevención que deben respectar a dignidade do traballador, garantizar a total confidencialidade e, ademais, protexer a seguridade no emprego e os ingresos do traballador durante o período de tratamento, igual que ocurre co resto dos problemas de saúde”.

 

Este problema débese atallar actuando sempre dende a prevención e non a través de medidas coercitivas e disciplinarias. O punto de partida pasa pola prevención, a implantación de protocolocos de actuación, nos que se considere ao traballador que consume como un enfermo, e como tal debe ser tratado.

 

Protocolos que orienten como afrontar situacións, abordando a problemática dende a prevención ata a rehabilitación e reinserción do traballador.