Nube de etiquetas
Nun contexto marcado polos recortes, a precariedade e reformas laborais restritivas, a sinistralidade increméntase en máis de nove puntos en Galicia Publicado o 14 de junio de 2016

Nesta data, UGT-Galicia alza a voz en lembranza e recoñecemento público de todos os traballadores que faleceron ou enfermaron por causas laborais e tamén denuncia e pon en evidencia que os danos derivados do traballo son evitables e que as empresas e administracións teñen grandes responsabilidades na súa prevención.
Neste senso, botando a vista cara atrás, o Sindicato ten que denunciar que, vinte anos despois da publicación da Lei de prevención de riscos laborais, constátase que gran parte dos seus obxectivos están aínda pendentes. E estes últimos anos estiveron marcados pola aposta por políticas de axuste, especialmente representadas nas reformas laborais, que deterioraron de xeito grave a negociación colectiva e o exercicio efectivo de dereitos, elementos imprescindibles para a saúde e a seguridade no traballo.
UGT-Galicia denuncia que estas dinámicas determinaron unha regresión da prevención nas empresas durante a última lexislatura.
Cales son as cifras? En Galicia nos últimos catro anos, coincidindo coa reforma laboral imposta polo PP, faleceron 212 traballadores. 61 no ano 2015, o que supuxo un incremento da sinistralidade mortal dun 3,39 por cento, en relación ao ano 2014, aumento que no caso de sectores como a industria e os servizos chega ata o 40 e o 43,75 por cento, respectivamente.
Polo que respecta aos datos totais de sinistralidade, o Sindicato advirte sobre o alarmante repunte das cifras en Galicia durante o ano 2015, onde rexistráronse un total de 25.346 accidentes laborais con baixa, 2.125 máis que no 2014, o que supón un aumento do 9,15 por cento.
É evidente, así o demostran as cifras, que a crise utilizouse como escusa para abandonar o investimento das empresas en políticas de prevención de riscos laborais. Ademais, a precariedade que se instalou no mercado de traballo é sinónimo de incremento da sinistralidade laboral.
O NÚMERO DE SINISTROS ENTRE OS TRABALLADORES TEMPORAIS MEDROU NUN 15%
De feito, dos 61 traballadores falecidos durante o ano 2015, 23 eran traballadores temporais, colectivo no que o número de accidentes de traballo subiu un 15 por cento respecto ao 2014. Dos 61 traballadores falecidos, 11 tiñan unha antigüidade no posto inferior aos tres meses e 24 dos 61 que perderon a vida tiñan unha antigüidade no posto inferior ao ano.
No relativo ao ano 2016, en Galicia a sinistralidade laboral medrou nun 7,01 por cento nos dous primeiros meses do ano, mentres que os accidentes mortais subiron nun 28,57 por cento e os graves nun 20,34 por cento.
Á vista dos datos (que se complementan cos cadros adxuntos), urxe en Galicia dispoñer dunha política de seguridade e saúde no traballo que desenvolva coherentemente e de xeito coordinado as políticas e as actuacións en materia de prevención de riscos laborais que se exercen no territorio, de acordo co marco normativo e competencial nesta materia.
Non obstante, e ante a conxuntura descrita e denunciada polo Sindicato, a Xunta repite, un ano máis, a redución constante dos orzamentos dedicados á prevención de riscos laborais. Concretamente, os destinados ás actividades desenvolvidas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) a favor da seguridade e saúde no traballo pasaron dos 7.383.000 euros no ano 2011 aos 5.638.000 euros previstos para o ano 2016. Isto supón unha redución practicamente do 24 por cento nestes últimos anos.
Estas reducións son incompatibles co aumento da sinistralidade e a situación dos traballadores (temporalidade, carga horaria...). O único que ocasionarán son dificultades para a posta en marcha e a execución de políticas preventivas eficaces, o que anuncia un panorama en materia de prevención de riscos en retroceso e amosa a falta de compromiso por parte da Xunta con esta materia.
Para atallar as actuais cifras de sinistralidade laboral, UGT-Galicica insisten en que urxe:
* Derrogar as reformas laborais.
* Establecer normativamente criterios obxectivos para a cualificación dos accidentes no traballo.
* Incrementar o investimento en I+D+i en materia de saúde laboral e riscos emerxentes.
* Incrementar a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
* Maior coordinación entre as diferentes administracións públicas para mellorar a resposta ante situacións de risco e a implantación da normativa actual sobre saúde laboral.
* A posta en marca da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2013-2020, incluíndo obxectivos precisos de redución da sinistralidade.
* A recuperación dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.
Novas relacionadas
- O Goberno utiliza a sinistralidade laboral para financiar a empresas e mutuas
- UGT aposta pola formación e a prevención para combater as drogodependencias no eido laboral
- UGT esixe maiores plans de prevención nas empresas
- Os infartos e derrames cerebrais consolídanse como a primeira causa de morte laboral
- A precariedade laboral e a falta de prevención producen un incremento dos accidentes de traballo
Categorías desta sección
Axenda de eventos
Non hai eventos programados neste mes