“Protéxete e protexe dos accidentes”

O Goberno utiliza a sinistralidade laboral para financiar a empresas e mutuas Publicado o 28 de marzo de 2017

→ O pasado venres 24 de marzo publicouse o Real Decreto 231/2017, do 10 de marzo, que derroga o RD 404/2010, polo que se regulaba o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que diminuísen de maneira considerable a sinistralidade laboral.
Para UGT, as modificacións que introduce esta normativa van encamiñadas exclusivamente a financiar ás empresas e mutuas.
As empresas levan tempo reclamando a redución das cotas por continxencias profesionais e as mutuas solicitando un aumento do financiamento que reciben para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, así como a recuperación dun patrimonio histórico moi mermado.
Segundo esta normativa, as empresas poderán reducirse un 5% do importe das cotas por continxencias profesionais sen ter que facer nada para reducir a sinistralidade laboral ou a pesar de incumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais.
A norma exclúe deste Real Decreto a obrigación que establecía a anterior normativa de realizar actuacións efectivas na prevención dos accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, de maneira que se incentivará a inacción: a redución da sinistralidade non estará vinculada ás accións das empresas (investimentos en instalacións, proceso ou equipos en materia de prevención de riscos; auditorías externas do sistema preventivo da empresa, plans de mobilidade viaria que sirvan como medida preventiva dos accidente in itinere que son a segunda causa de mortalidade no traballo, etc).
Ademais, permítese recibir estes incentivos a empresas con infraccións graves en materia de prevención de riscos laborais, (en concreto permíteselles ata dous). Infraccións como, por exemplo, non informar á autoridade laboral dos accidentes de traballo ocorridos e as enfermidades profesionais declaradas, superar os límites de exposición a axentes nocivos (incluídos os carcinóxenos) con risco de danos graves para a seguridade e saúde dos traballadores, non realizar os recoñecementos médicos nin as probas de vixilancia, etc.
Deste xeito, a actividade preventiva suponse pero non se contrasta, xa que se acredita coa propia declaración da empresa pero sen que os delegados e delegadas de prevención teñan que dar a súa conformidade a esa declaración ou poidan realizar alegacións á mesma, como era posible ata agora. O papel das mutuas como verificadoras destes requisitos queda en dúbida, xa que, son parte interesada en que as empresas resulten beneficiadas, debido a que se isto ocorre poderán percibir, previo acordo con estas, un 10% deses incentivos con cargo a incrementar o seu patrimonio histórico.
Por último, mentir nesta declaración non terá consecuencias. Anteriormente, as empresas que falseaban os datos relativos aos requisitos eran penalizadas coa exclusión en posteriores convocatorias destes incentivos. Neste Real Decreto só ten que reintegrar o incentivo percibido, é dicir, aquel que nunca percibirían porque non reunían os requisitos.
Por tanto, este Real Decreto incentiva a empresas e mutuas eliminando os controis que se establecían na anterior normativa sobre o cumprimento dos requisitos na redución da sinistralidade. Polo que podemos concluír que é unha normativa destinada exclusivamente ao financiamento das mesmas.