“Engánchate á vida ”

Perfil do acosador: envexoso, incompetente e covarde, segundo unha guía de UGT Publicado o 24 de marzo de 2012

→ Valladolid, 14 febreiro (EFE).- O perfil do acosador laboral corresponde a unha persoa "narcisista, envexosa, incompetente e covarde", que se apropia das ideas brillantes dos demais traballadores, enmascara os seus propios erros e os traslada aos demais, segundo se revela nunha guía editada pola UGT.

A publicación titulada "Guía do Acoso Psicolóxico no Traballo (Mobbing) ", da que se editaron ata agora máis de 40.000 exemplares, será distribuída man a man nos centros de traballo de Valladolid.

Foi presentada esta mañá polo secretario rexional de Saúde Laboral da UGT de Castela e León, Belarmino Rodríguez, e membros do gabinete psicolóxico da mesma central sindical.

O dirixente sindical sinalou en rolda de prensa que as condutas perniciosas de acoso laboral, difíciles de demostrar, aumentaron nos últimos anos como consecuencia das novas tecnoloxías que esixen un traballo máis intelectual ou mental.

Os "novos riscos" no traballo, derivados das novas formas de exercelo, propiciaron que cada vez haxa máis comportamento de acoso e violencia no traballo.

Os datos de última sondaxe da que dispón a UGT demostran que as actuacións acosadoras se incrementaron nun 18 por cento e que o 26 por cento dos entrevistados recoñeceu que o seu ambiente laboral é propicio para eses comportamentos rexeitables.

Para facer fronte a situacións de acoso os expertos recomendan que a vítima non cale", pida axuda, faga un diario e denuncie calquera síntoma ante os responsables sindicais correspondentes.

Cada vez vai habendo máis sentenzas xudiciais sobre acoso laboral, segundo o mesmo responsable sindical, quen destacou que ese tipo de actuación condenable causa baixas laborais, ás veces duradeiras.

Segundo o gabinete psicolóxico da UGT, o acosador pode presentar dúas facetas fundamentais: acosador paranoico e acosador psicópata; moito máis perigoso este último porque non ten escrúpulos.

A guía avisa de que o acosador actúa en segredo e en conivencia ás veces con outros compañeiros da vítima os cales amparan con silencios o acoso, co obxectivo de destruír psicoloxicamente o traballador e facer que deixe o seu emprego.

O acosador "sibilino", que adoita trasladar a súa argucia fóra do ámbito laboral chegando mesmo á familia da vítima, pode ser un xefe que envexa un subordinado, un traballador que prexudica a outro compañeiro ou un empregado que se ceba co seu superior, puntualizou a UGT.

A Guía, dunha vintena de páxinas, ofrece pautas para coñecer o acoso, comprendelo, previlo e superalo, segundo o sindicato, que xa publicou recentemente outro folleto sobre o estrés laboral.

FONTE: 14-02-2012